4200KM, de Teatro de lo Inestable, é unha proposta de teatro contemporáneo en castelán para público adulto que nos sitúa mar adentro, nunha barcaza con 25 persoas á deriva. Ao redor non hai costa, nin límites da terra, só mar, noite, tormentas, frío e unha distancia inmensa. Un espazo extremo onde o tempo se suspende e cada corpo queda exposto á espera, ao medo e á esperanza.
A obra parte dun proceso de investigación arredor do que aconteceu durante e despois dos 90 días que durou a viaxe dun caiuco á deriva. A través dos documentos atopados sobre unha bióloga mariña obsesionada coas baleas e do diario dun supervivente, a peza reconstrúe unha pregunta tan necesaria como incómoda: que quedou da tripulación daquela barca aparecida a 4200 quilómetros de Porto Rico?
4200KM fala das persoas que desaparecen no seu camiño migratorio na procura dun lugar mellor. Das vidas que se perden no mar, das historias que apenas chegan a contarse e da responsabilidade de mirar cara a esa realidade sen apartar os ollos.
Un espectáculo poético, físico e profundamente humano sobre a memoria, a desaparición, a migración e a fraxilidade da vida cando só queda resistir no medio do océano.