La rata Marieta é un espectáculo familiar de L’Horta Teatre que combina títeres, danza e teatro de sombras para convidar o público máis pequeno a entrar nun universo cheo de imaxinación, maxia e aventuras.
Marieta naceu nunha páxina e, desde unha simple folla, sairá para encher o escenario de historias. É unha ratiña curiosa e valente, capaz de transformar calquera trazo, debuxo ou recuncho en algo novo por descubrir. Porque ás veces un debuxo pode cambialo todo, e unha páxina pode gardar un mundo enteiro.
A través dunha linguaxe visual, poética e próxima, o espectáculo xoga coa capacidade da infancia para imaxinar, crear e converter o cotián en extraordinario. Unha proposta delicada e estimulante que esperta a curiosidade e celebra o poder das historias, dos libros e dos soños.
Cantas aventuras caben nunha folla? Cantos soños pode conter un só trazo? Cantas historias agochan as páxinas dun libro?
Espectáculo recomendado para público familiar a partir de 3 anos.