El carnaval de los animales é unha proposta de danza-teatro pensada para achegar ás crianzas ao universo da danza e da música a través da célebre partitura de Camille Saint-Saëns.
Tres bailaríns chegan ao escenario e constrúen, diante do público, un xogo escénico cheo de movemento, imaxinación e humor. Cada fragmento musical convértese nun animal, nun carácter e nunha pequena escena recoñecible para os máis pequenos: o león, as galiñas, a tartaruga, o elefante, o canguro, os paxaros, o cisne e moitos outros personaxes desfilan ante o público nunha celebración visual e sensorial.
A coreografía de Marcela Aguilar humaniza estes animais para facelos máis próximos, xogando coa fantasía, o xesto e a expresividade do corpo. O espectáculo convida as nenas e nenos a descubrir que animal se agocha tras cada movemento e cada música.
Unha experiencia poética, lúdica e didáctica para gozar en familia, recomendada especialmente para público infantil de 3 a 6 anos.