Pérez, una aventura sin dientes é un espectáculo familiar de Títeres Sin Cabeza que combina títeres de mesa e interpretación para contar unha historia divertida, emocionante e moi próxima aos primeiros medos da infancia.
Guillermo é un pequeno ratiño cun gran problema: é o único da súa clase ao que aínda non lle caeu ningún dente. Mentres os seus compañeiros xa coñeceron o famoso Rato Pérez, el vive co medo de que se rían del por ser o máis pequeno e por non estar á altura.
Decidido a cambiar a súa sorte, Guillermo lánzase á aventura fóra da seguridade da súa madrigueira para conseguir, como sexa, o seu primeiro dente. Mais no camiño descubrirá que medrar non consiste en ir máis rápido ca os demais, senón en atopar o propio momento.
Unha proposta tenra, divertida e chea de imaxinación para acompañar as crianzas nos seus primeiros medos, comparacións e descubrimentos.
Recomendado para público familiar a partir de 3 anos.