Mandarinas é un dúo vigués formado por Xavier Bértolo ao piano e Rubén Abad á guitarra española. Un proxecto que sobrevoa diferentes xéneros que conflúen na conxugación do jazz coas músicas do mundo. Material acústico orixinal para o oído afeito ao sincretismo, ao eclecticismo sonoro. Anacos dos distintos caracteres e personalidades estilísticas que se harmonizan nun froito de temperamento trotamundos, que non só se manifesta a través de influencias espaciais senón tamén temporais.
Música con raíces no clásico de Bach ou Ravel, un tronco con codia de jazz á maneira de Ellington ou Mingus; pólas que acadan diferentes manifestacións folclóricas desde a Arxentina, Porto Rico, Turquía ou España. Mandarinas combina o talento de dous perennes representantes do underground galego de corte ecléctico e experimental presentes en formacións como Trilitrate, Comando Radar, Es un Árbol, Cró!, Orquesta Metamovida, Peña, Raposa ou Corvax. O seu extenso labor interpretativo e creativo abrangue así mesmo unha frutífera actividade dentro da esfera audiovisual, na que teñen realizado composicións para películas, obras de teatro, documentais, curtametraxes, etc.